domingo, 23 de agosto de 2009

O outro Pachín



Nun tempo disque falaban os animales. Andrómenas. Está ben que se lle conte a nenos da teta, pero non a min que levo rillado catro codias. Todos os días estase a refacer a verdade. Fai unha chea de tempo que non oio falar seriamente do "Ángel de la Guarda", nin dos Reis Magos. E quén sabe cántas cousas máis que hoxe teño por certas irán cambeando en min. Voume alonxando do berce, coma quen dis.

Boa estaría que os animais falasen coma nós. Os paxaros, o gando as lebres. ¡Qué rebumbio! Talvez se entendan sin conversar, ou non percisarán entenderse. Hai moitos homes e mulleres que parolan na mesma lingoaxe e tampouco se entenden.

Miña nai tenme dito que lle gostaría ver, siquera un intre, o río valdeiro, sin agua. A min tamén. Pero inda me houbese chistado máis escoitar un parrafeo entre vacas, porcos, ou galiñas...¡Cántas cousas se cavilan! E todo dende que tiven a Pachín.

Porque Pachín sí que falaba. Á súa maneira. Falaba cos ollos, co rabo, coas patas. Eu entendíao tan ben coma se pronunciase palabras. Non parecía un can. Tiña entendemento de persoa.
Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego

No hay comentarios:

Publicar un comentario